venres, 21 de decembro de 2018

Engurras no club de banda deseñada "Marcando a diferenza"


Hoxe, para rematar o trimestre, o club de lectura de banda deseñada a partir de 3 de ESO reuniuse para falar de Engurras, de Paco Roca.
Primeiro, traballamos en parellas para recoñecer, a través dalgunhas viñetas, as diferentes experiencias vitais dos personaxes da obra.


Para rematar, puxemos en común a información e falamos sobre casos do noso entorno: familiares, veciños...
No que todos e todas coincidimos foi na sensibilidade do autor para tratar un tema tan complexo, a capacidade de facernos empatizar con cada personaxe e, en ocasións, arrincarnos algunha bágoa.


Á volta do Nadal, e a petición dos participantes, organizaremos unha quedada para proxectar o filme. De momento, que pasedes unhas boas festas!!

xoves, 20 de decembro de 2018

María e mais eu no club de lectura de 2º ESO


Hoxe, na reunión do club de lectura de banda deseñada de 2º de ESO, tivemos unha interesante charla a partir da lectura de María e mais eu, de Miguel e María Gallardo. Comezamos identificando algunhas das viñetas da obra e explicando o seu significado. Un dos participantes  rematou a sesión cunha análise profunda de todas as características do autismo que ten María (que aparecen no final do libro) e relacionounos cun caso que coñece ben de preto. Foi unha auténtica marabilla escoitalo!

Voltamos despois das vacacións de Nadal! Boas festas!


venres, 14 de decembro de 2018

Obradoiro de marcapáxinas no club de 1 de ESO

Como se achega o Nadal e moitos dos participantes do club de lectura van pedir na súa carta aos Reis algún libro, na sesión de hoxe estivemos elaborando marcapáxinas. Pasámolo en grande!!





martes, 4 de decembro de 2018

O club de BD "Marcando a diferenza" recolle nova lectura


Esta vez, serán os maiores os que se acheguen ao alzhéimer da man de Engurras, de Paco Roca. Aproveitamos así os exemplares cedidos temporalmente pola Biblioteca do IES de Poio e tamén a recente experiencia de algúns dos alumnos e alumnas que realizaron o voluntariado co centro de maiores do noso concello. Gozade da lectura!