xoves, 28 de febreiro de 2019

Raritos, nova lectura no club de 1 ESO

No club de lectura de primeiro de ESO achegarémonos á unión das artes e as ciencias a partir da obra Raritos de Svetlana Chmakova. O relato, cheo de humor e retos de observación para os lectores e lectoras máis ávidos, tamén vén cargado de temas sociais, como os malos tratos ou o acoso escolar. Agardamos que gocedes da lectura. 


Datas das reunións dos clubs de lectura

Co gallo do Entroido e os ensaios durante os recreos, adiamos as reunións dos clubs de lectura ata a volta das vacacións. Pasaremos polas aulas para avisarvos das novas datas.

Nova sesión do Proxecto Roma

Esta tarde realizamos a penúltima sesión fóra do horario lectivo do noso proxecto, coa colaboración de Eloi, profesor responsable do EDLG.  Cun clima de traballo moi positivo, estivemos elaborando as nosas infografías, tras a procura de información na rede e en distintos documentos en papel. Aprendemos tamén algúns conceptos básicos de deseño (cores, tipografías...). O resultado final poderase consultar na guía de viaxe que recollerá todos os documentos elaborados e que publicaremos proximamente. Aquí quedan algunhas das imaxes da sesión:

xoves, 21 de febreiro de 2019

Proxecto Roma: monumentos

Na tarde de hoxe, o alumnado participante no proxecto Roma comezou o traballo de procura de información sobre os monumentos que visitaremos durante a excursión. Empregando as infografías, realizaremos unha guía de viaxe que incluirá tamén un glosario de términos relacionados coa a Antiga Roma (elaborado na clase de latín) e as obras artísticas máis salientables (que se están a traballar nas aulas de Xeografía e Historia). A próxima sesión será o próximo xoves 28, de 15:00 a 17:00. Agardámosvos!








mércores, 20 de febreiro de 2019

Roma de película

Comezamos a nosa visita na Piazza Venezia e alí un educado ragazzo axudounos a orientarnos na cidade. Ollamos o Coliseo dende o asfalto e na Piazza Navona curioseamos nos postos dos artistas de rúa. Logo admiramos a marabillosa Fontana di Trevi de Bernini e, daquela, foi cando desexamos estar xa sentados na escalinata da Piazza di Spagna para vivir o bulicio xuvenil que contaxia o ambiente á tardiña. Camuflados nas sombras da noite, entramos sen permiso nas termas de Caracalla... shhhhh... e alí sorprendeunos unha torrencial tormenta estival.

Na Piazza del Popolo tomamos pola Via do Corso e sucederónse o Campo dei Fiori, o Campidoglio, o Foro Romano, a Via Veneto, a Piazza di Torre Argentina, a Trinità dei Monti, o Ara Pacis... Entón, Roma xa era nosa. E descansamos nunha terraza no Trastevere e paseamos polos xardíns de Villa Borghese. 

Todos estes lugares e algúns máis están presentes na película A Roma con amor coa que demos inicio ao Club de Lectura e Cine Club do Proxecto Roma. Aforo completo, flocos de millo e ganas de saber como rematarán os enredos nos que andan ensarillados Jack e Sally, Milly e Luca Salta, Antonio e mais Anna, Leopoldo Pisanello e os paparazzi e Giancarlo e Jesse Eisenberg, alter ego do propio Woody Allen. 

Quedamos o próximo martes á mesma hora para rematar de ver a película e facer a posta en común da novela O armiño dorme, de Xosé A. Neira Cruz. Mais esa é outra historia... e outra cidade, Florencia.

mércores, 13 de febreiro de 2019

O Proxecto Roma dá comezo na biblioteca


No día de hoxe demos comezo ao proxecto Roma cun obradoiro de mosaicos.


Con taboleiros de madeira, cola e goma eva, o alumnado participante traballou a reo para comprender a técnica empregada en moitos dos monumentos que visitaremos durante a excursión. O resultado:  mosaicos de inspiración romana e moi bo ambiente de traballo. Vémonos a próxima semana (martes, de 15:00 a 16:30) e xoves (de 15:00 a 17:00). 




martes, 12 de febreiro de 2019

A escritora Carmen Quinteiro visitou o noso club de poesía


O pasado martes día 5 de febreiro, Carmen Quinteiro, autora de Caleidoscopio, fíxonos unha visita moi agradable para compartir con nós a posta en común da obra. Na lectura deste libro marabilloso podemos atopar unha combinación perfecta entre microrrelatos e poesía e fainos reflexionar en cada unha das súas páxinas.

Carmen foi en todo momento moi cercana a nós e no encontro falamos sobre o significado dalgúns dos seus textos, sobre todo daqueles que nos custara máis entender ou que provocaran máis dúbidas e interpretacións.

Cando ela lía os poemas e microrrelatos era como se chegasen doutra forma a nós, como se nos transportara a outros textos. O que máis me impactou foi “La amenaza”, a súa lectura é complexa, pero fixome pensar.
La amenaza
 
Con el pijama puesto y a la luz de la linterna, Javi pasa revista: de frente, sobre la alfombra de la puerta de la entrada, ha colocado el coche negro de policía; ante la puerta del baño, ha dejado el barco pirata; entre la puerta de la cocina y la del salón ha sentado al tigre de peluche y haciendo guardia en la puerta de la habitación de su madre, ha alineado el avión de combate, el jefe indio con toda la tribu, el tiranosaurio rex y el muñeco de la capa azul con superpoderes. 

Por si vuelve.
Paula Canosa (4º ESO A)

sábado, 2 de febreiro de 2019

Caleidoscopio, de Carmen Quinteiro, primeira lectura compartida do Club de Poesía


Caleidoscopio

                            kalós
                                          éidos
                                                          scopéo

fermoso
                  imaxe
                                 observar

Caleidoscopio. s. m. Instrumento óptico que consiste nun tubo con dous ou tres espellos inclinados e cristais de cores no seu interior, dispostos de tal maneira que, se se move o tubo e se mira no seu interior por un dos seus extremos,  poden verse distintas figuras xeométricas simétricas.   

Caleidoscopio (fig.). Colaxe de retallos de vida, emocións e experiencias, miradas, por veces cegueira, presenzas e distancias, sorrisos e cicatrices, amálgama de luces e sombras que forman un crisol de cores e formas a-simétricas porque...

No perdamos la perspectiva: somos maravillosamente imperfectos

Este martes iniciamos a andaina do Club de Poesía con Caleidoscopio, de Carmen Quinteiro, un libro que aúna microrrelatos, poemas e aforismos, e mais evocadoras ilustracións de Dictinio de Castillo Elejabeytia. 

Achegarémonos á obra dende a visión particular de cada un/unha de nós, mais teremos a oportunidade de contar coa presenza da autora. Hai mellor maneira de iniciar a nosa travesía?



   

venres, 1 de febreiro de 2019

La memoria del agua


Hoxe, no club de lectura de primeiro de ESO falamos de La memoria del agua, unha obra con fermosísimas ilustracións e unha historia de maldicións familiares.

A partir do relato, en que a protagonista descubre que forma parte dun círculo de mala sorte asociado aos seus ancestros, preguntamos as historias que se tranmitiron de xeración en xeración nas nosas casas.

Curiosamente, moitas delas guardan relación cos eixos temáticos do libro: o mar, a morte e os elementos sobrenaturais.

Lucía contou a historia do irmán da súa bisavoa, que morreu nun naufraxio en Irlanda. Cando, anos despois, seus pais visitaron o país, atoparon non so a fosa común onde foran soterrados os mariñeiros galegos, senón tamén a unha muller que presenciara o enterro.

Álvaro contounos algunha experiencia de aparición de mortos e tamén como a súa nai vira á Santa Compaña mentres recollía castañas.


Ana contou que tamén na súa casa había unha historia familiar relacionada coa Santa Compaña. O seu bisavó ulira a cera queimada, sinal da presenza dos mortos, e botou a andar sen mirar atrás ata que todo pasou e regresou a casa san e salvo.

Sabela contou que, á súa tía, se lle aparecera a pantasma dun familiar desaparecido tempo atrás.

Pero o mellor da actividade, sen dúbida, foi manter conversas tan interesantes cos avós, as nais, os pais ou os tíos sobre todas esas historias familiares que se perderían se non fose polo noso gusto pola narración oral. Vémonos en quince días!