luns, 27 de maio de 2019

Levantando muros na última sesión dos clubs de BD de 1 e 2 ESO

Nunha época en que tanto se fala de levantar ou romper muros, os participantes do club de banda deseñada de 1 e 2 ESO decidiron crear hoxe unha barreira no IES: un muro contra as desigualdades, contra as inxustizas, contra o acoso, o machismo, o racismo e todas esas actitudes que non queremos no centro. 

A idea partiu da lectura de Valiente de Svetlana Chmakova, unha obra na que se reflexiona sobre moitos temas de actualidade. Aquí tedes as imaxes desta última sesión:









Xa sabedes que todas as lecturas do club están dispoñibles na biblioteca. En canto ao club, rematamos por este curso pero agardamos vervos o próximo ano por aquí gozando e compartindo lecturas. 

A próxima semana e tras a excursión a Manzaneda, avisarémosvos para a sesión da avaliación final desta actividade. Un pracer ter traballado con todos e todas vós!

domingo, 12 de maio de 2019

Última sesión no club Marcando a diferenza

O club de lectura Marcando a diferenza, integrado no Proxecto Falemos de ti e min, realizou na mañá do venres a súa última sesión. A obra coa que finalizamos as reunións foi ¿Quién le zurcía los calcetines al rey de Prusia mientras estaba en la guerra? de Zidrou e Roger, publicado por Norma Editorial. 


O reto consistía en tratar de darlle sentido ao título, pois na obra non se fala nin de reis, nin de Prusia e moito menos, de calcetíns. Trátase, en realidade, da entrañable cotidianidade da nai dun rapaz con diversidade funcional a causa de un accidente de tráfico. Houbo versións para todos os gustos e incluso quen identificou ao rei co mozo, os calcetíns coa discapacidade e á zurcidora coa nai do rapaz. Chegamos á conclusión de que se trata dunha frase feita como "quen se come o marrón?" ou "quen fai o traballo sucio?" posto que a obra fala da dependencia. Da dependencia e dos coidadores e coidadoras que ven a súa vida limitada por ter que coidar dun ser querido.

A partir de aí, limos unha noticia de O Faro de Vigo na que se ofrecían datos das altas porcentaxes de mulleres que abandonan a súa vida laboral para coidar dunha persoa dependente e falamos da necesidade de que se apliquen as axudas.

É unha obra moi recomendable, que invita á reflexión e que deixa cun sorriso na boca, a pesar de todo. Xa sabedes que está dispoñible na biblioteca, na sección de Banda Deseñada. 

Avisaremos da data para realizar a avaliación do club, aínda que xa houbo quen preguntou pola súa continuidade o curso que vén, polo que imaxinamos que a experiencia foi moi enriquecedora. Grazas a todos e todas polas xuntanzas, por compartir as lecturas e polas vosas aportacións. Ata a próxima!

sábado, 11 de maio de 2019

Agradecemento ao préstamo interbibliotecario

Desde a Biblioteca do IES Soutomaior queremos agradecer os préstamos realizados, a través de Libros a eito, polas Bibliotecas Escolares do IES de Poio, do IES Porto do Son e do CPI San Vicente A Baña. Todo foron facilidades e os seus fondos permitíronnos levar a cabo os clubs de lectura e tamén optimizar os recursos para o noso alumnado. Grazas e agardamos seguir contando coa vosa colaboración nos cursos próximos!






xoves, 9 de maio de 2019

Últimas lecturas dos clubs

Estas semanas temos os participantes dos clubs inmersos en dúas lecturas moi diferentes. No club Marcando a diferenza seguimos coa temática social, con Quién le zurcía los calcetines al rey de Prusia mientras estaba en la guerra, de Norma Editorial. O alumnado de 1 ESO rematará o seu club de BD con Dad, da editorial Dibbuks. Gozade destas últimas lecturas!



sábado, 4 de maio de 2019

Sesión de clausura do Proxecto Roma

Na tarde do xoves as familias do alumnado puideron gozar da sesión de clausura do Proxecto Roma. Laura Fresneda, David Alján, Sabela Lorenzo, Paula Canosa e Marco Campos foron os mestres de cerimonia e explicaron moi ben non so todo o proceso de traballo, senón tamén o que supuxo para os participantes e docentes implicados este proxecto. 


Aquí queda tamén o vídeo realizado durante a viaxe, que xunto coa guía de Roma e Florencia, servirá como memoria dunha experiencia inesquecible. Grazas pola vosa colaboración e compromiso!