venres, 25 de xaneiro de 2019

É o azul unha cor cálida?

Na mañá de hoxe, o club de banda deseñada "Marcando a diferenza" (con alumnado de 3º, 4º e 1º de Bacharelato) reuniuse para falar de "El azul es un color cálido" de Julie Maroh e publicado por Dibbuks.


A sesión estivo chea de sorpresas e tamén de moita emoción. Acudiron a compartir as súas impresións sobre a lectura, a profesora responsable da Comisión de Igualdade, Vanesa, e o profesor coordinador do EDLG, Eloi.  Cada un de nós traia escollida unha viñeta que nos chamara a atención, ben en positivo, ben en negativo. Pero a obra resultou tan interesante e, sobre todo, tan impactante, que xa vedes a cantidade de post-it que chegaban das casas marcando momentos da obra que eran dignos de comentar para o alumnado:


Para organizar as intervencións, botamos a sorte a quenda de palabra cunhas larpeiradas.


Falamos dos momentos máis duros da historia (o rexeitamento por parte das amizades e a familia, o non poder ter acceso á información médica da parella, a negación da propia identidade sexual...) e tamén dos positivos (a liberdade para escoller a quen amar, a construción dun futuro máis aberto e tolerante coa diversidade e a aceptación dun mesmo).

Ademais, durante estas dúas semanas de lectura e intercambio de libros, o boca a boca funcionou tan ben que tivemos dous novos participantes no club e moitas peticións de que o libro se inclúa nas caixas de Hora de Ler das aulas. 


O resumo desta xornada é que todos e todas somos libres de ser quen somos e, sobre todo, de amar a quen queiramos amar.


Aquí tedes un vídeo resumo das viñetas que escollemos para falar da obra e as imaxes da sesión:


Xa sabedes que a obra está dispoñible na sección de banda deseñada da Biblioteca e, en breve, incluiremos exemplares nas caixas das aulas.

Vémonos en febreiro para recoller nova lectura!


1 comentario:

  1. Fermosa banda deseñada e moi suxestiva e motivadora a forma de organizar o funcionamento do club. Parabéns

    ResponderEliminar