venres, 1 de febreiro de 2019

La memoria del agua


Hoxe, no club de lectura de primeiro de ESO falamos de La memoria del agua, unha obra con fermosísimas ilustracións e unha historia de maldicións familiares.

A partir do relato, en que a protagonista descubre que forma parte dun círculo de mala sorte asociado aos seus ancestros, preguntamos as historias que se tranmitiron de xeración en xeración nas nosas casas.

Curiosamente, moitas delas guardan relación cos eixos temáticos do libro: o mar, a morte e os elementos sobrenaturais.

Lucía contou a historia do irmán da súa bisavoa, que morreu nun naufraxio en Irlanda. Cando, anos despois, seus pais visitaron o país, atoparon non so a fosa común onde foran soterrados os mariñeiros galegos, senón tamén a unha muller que presenciara o enterro.

Álvaro contounos algunha experiencia de aparición de mortos e tamén como a súa nai vira á Santa Compaña mentres recollía castañas.


Ana contou que tamén na súa casa había unha historia familiar relacionada coa Santa Compaña. O seu bisavó ulira a cera queimada, sinal da presenza dos mortos, e botou a andar sen mirar atrás ata que todo pasou e regresou a casa san e salvo.

Sabela contou que, á súa tía, se lle aparecera a pantasma dun familiar desaparecido tempo atrás.

Pero o mellor da actividade, sen dúbida, foi manter conversas tan interesantes cos avós, as nais, os pais ou os tíos sobre todas esas historias familiares que se perderían se non fose polo noso gusto pola narración oral. Vémonos en quince días!


Ningún comentario:

Publicar un comentario