venres, 15 de decembro de 2023

CLUBS DE LECTURA 

Neste curso 2023-2024 contamos con varios Clubs de Lectura, tanto de ESO como Bacharelato. Entre as lecturas do primeiro trimestre podemos destacar O principiño, A vida na Grecia clásica ou unha lectura sobre o "castelo de Soutomaior"... Realmente o alumnado que participa indica o interesante destes textos... Seguiremos informando.

Tamén temos un Club de Lectura de persoas maiores, que chamamos Soutomaiores, que está a ler Oito días sen Eva Cortes, de Sara Vila, coa que teremos un encontro proximamente.


domingo, 19 de xuño de 2022

Club de lectura: A proba de auga

 A última xuntanza cos lectores e lectoras de 1º de ESO tivo lugar o pasado martes 14 de xuño. Desta volta, a obra lida foi o cómic A proba de auga, da escritora e debuxante viguesa Anémona de Río (Aldara Álvarez García).


Esta banda deseñada, cunha atractiva estética manga, conta a historia de Aqua, unha pequena pinga de auga que, rematados os seus estudos, debe levar a cabo a súa función. Pero o primeiro día pérdese do seu grupo e comeza a descubrir un novo mundo pola súa conta, mentres vive un montón de aventuras.

Para despedir o club ata o ano que vén, nesta última reunión do club, os rapaces competiron por grupos nunha xincana na que tiveron que medir as súas dotes detectivescas para seguir unha serie de pistas relacionadas coa obra, ata dar co premio final. As gañadoras foron Mara, Lola, Carla e Giana; pero todos conseguiron rematar o percorrido e levaron o seu premio.




O ano que vén verémonos de novo. Polo de pronto,

FELIZ VERÁN!

Reunión do club de lectura: La memoria del agua

O pasado 5 de abril, as rapazas e rapaces do club de 1º de ESO, xogaron a interpretar distintas esceas da banda deseñada La memoria del agua, de Valerie Vernay e Mathieu Reynes.

Tras facer un repaso polos espazos da novela e repartir os personaxes, os membros do club de lectura deron vida a distintas esceas da nosa historia.


 




Tamén nos deu tempo a falar das nosas impresións sobre a obra, e de analizar os personaxes.

La memoria del agua é a historia dunha familia e dunha maldición que foi pasando de xeración en xeración. Ambientada nunha vila mariñeira, ten como protagonista á pequena Marion, quen despois de mudarse coa súa nai á casa familiar preto da costa, iniciará a súa propia investigación ata descubrir o pasado da súa familia.

luns, 4 de abril de 2022

Coloquio sobre 'Flor de area' con Manuel Lourenzo González

Esta mañá o alumnado de 3º e 4º ESO e de 1º de Bacharelato dos clubes de lectura do instituto  mantiveron un encontro con Manuel Lourenzo González, autor de Flor de area, novela que leron nas últimas semanas. 

Os rapaces e rapazas estiveron moi atentos e participativos e interesáronse tanto por diferentes aspectos da obra, como o labor de documentación necesario para plasmar o contexto cultural e social da historia (a cultura árabe, o Irak...) como por cuestións máis xerais da creación literaria. 

O noso convidado foi moi ameno e próximo, aprendemos moito con el e quedamos moi agradecidas e agradecidos pola súa visita.

Reunión do club de lectura de 1º ESO

 Mañá, martes 5 de abril, terá lugar a seguinte xuntanza do club de 1º de ESO, coa banda deseñada de Valerie Vernay e Mathieu Reynes La memoria del agua.

Intercambiaremos as nosas impresións sobre a obra e faremos algúns xogos de interpretación teatral para mergullarnos na súa historia.

xoves, 31 de marzo de 2022

Encontro con Manuel Lourenzo

O próximo luns, 4 de abril, acompañáranos Manuel Lourenzo na reunión do club de lectura de 3 e 4º ESO e 1º Bach. para facer a posta en común sobre a súa obra Flor de area


luns, 21 de marzo de 2022

Próxima xuntanza do club de lectura: Corredora

Mañá, 22 de marzo, teremos reunión do club de lectura de 2º ESO, sobre a novela de María Reimóndez Corredora:



domingo, 20 de marzo de 2022

Reunión do club de lectura: Y entonces nos perdimos (Ryan Andrews)

Na reunión que tivo lugar no mes de febreiro co alumnado do club de lectura de 1º de ESO, puxemos en común as nosas impresións sobre a obra, o argumento e os temas principais, así como as partes que máis nos emocionaron ou os personaxes máis interesantes (o oso pescador, Madame Majestic, Nate e Ben foron os máis mencionados).

A continuación, as rapazas e rapaces do club de lectura animáronse a facer o seu propio cómic, reinterpretando escenas da novela, ás que puxeron cor e texto, converténdose eles mesmos en guionistas.

A continuación, podedes ver como se poñían mans á obra:




Soraya, Agos e Lola pintaron ao Oso Pescador







Adrián, Rayan e Samuel representaron o inicio da novela, o inicio da viaxe:






Sofía e Giana resumiron moi ben a historia, ademais de debuxar outras escenas clave:




Santiago e Xabier debuxaron o camiño, o oso... e un dos peixiños!







Mara, Triana e Clara pasárono tan ben como a panda de amigos que debuxaron, perseguindo os faroliños:





Por último, Borja, Noa e Carla fixeron un bo resumo dalgunhas das escenas e personaxes principais en debuxos:







xoves, 3 de febreiro de 2022

REUNIÓN DO CLUB DE LECTURA - MATAR UN RUISEÑOR

A última xuntanza do club de lectura, con rapazas e rapaces de 3º, 4º de ESO e 1º de Bacharelato, tivo lugar en dúas xornadas nas que compartimos impresións sobre a obra Matar un ruiseñor (1960), de Harper Lee, adaptada a novela gráfica por Fred Fordham en 2018.


Esta obra, ambientada no estado sureño de Alabama durante a época da Gran Depresión, retrata maxistralmente os prexuízos dunha sociedade na que a segregación racial está profundamente arraigada. Coñecemos ao seu heroe protagonista, Atticus Finch, e a súa loita pola xustiza relatada desde a perspectiva da súa filla Scout, transunto autobiográfico da propia autora, Harper Lee.

Os integrantes do club de lectura puxéronse na pel de distintos personaxes, para interpretar escenas clave da novela. Tras cada unha das representacións, fixeron unha análise de cada personaxe, aportando interesantes reflexións e incluso relacionando a historia con problemas actuais.

Os personaxes foron escollidos ao chou:



Álvaro, Rebeca e Clara presentaron a Dill Harris, Jem Finch e Scout Finch, interpretando unha escena do inicio da novela:


Lucía encarnou a Atticus Finch, representando xunto con Clara un momento memorable da historia: "Un é valente cando, sabendo que a batalla está perdida, inténtao a pesar de todo e loita ata o final, pase o que pase."


Ángel interviu poñéndose no pelello da señora Dubose, analizando as súas luces e sombras, a súa capacidade de loita pero tamén os seus lamentables prexuízos.



A Martín tocoulle interpretar tres pequenas escenas nas que daba vida á tía Alexandra, a Calpurnia e ao misterioso e taciturno Boo Radley, ante a atenta mirada dos seus compañeiros:


Noé e Sofía fixéronnos asistir ao xuízo de Tom Robinson, inxusta vítima da intolerancia e do racismo.


Finalmente, Uxía converteuse no sheriff Heck Tate, aportando a solución final.


Pero non soamente fixemos teatro, senón que tamén compartimos pensamentos e ideas sobre os distintos temas que se tratan nesta historia: roles de xénero, discriminación racial, clases sociais e pobreza, a inocencia... Ademais, puidemos establecer comparacións entre a novela e a película de Robert Mulligan, de 1962.




Agora entregarémonos á lectura de Flor de area, de Manuel Lourenzo, para poder seguir compartindo experiencias na próxima reunión!