martes, 25 de maio de 2021

Esta historia comeza hai cen anos...

A lenda de Sally Jones é unha viaxe polo mundo nunha carreira trepidante que atravesa xunglas, desertos e mares, que levanta áncoras en portos inzados de mariñeiros e mercaderes e recala en cidades exquisitas nas que condesas e magos aparentan ser o que non son. 

A lenda de Sally Jones é un marabilloso relato de aventuras e emocións que coñecemos da man dunha gorila nacida no corazón da selva africana unha noite sen lúa e sen estrelas. 


A lenda de Sally Jones é un libro para ver con moita atención e gozar das ilustracións de Jakob Wegelius, o seu escritor e ilustrador.
 
E tamén é a lectura dos rapaces e rapazas do club Aquí lemos tod@s, que na primeira sesión imaxinaron un divertido e suxerente relato encadeado tan só a partir da capa e a contracapa do libro. 

martes, 11 de maio de 2021

Laberinto del alma, de Anna Llenas

O alumnado de 1º ESO, a proposta do equipo de biblioteca, estivo a traballar nun proxecto no que participaron directamente os Departamentos de Lingua castelá e literatura e Educación plástica e audiovisual. 

A partir da lectura de Laberinto del alma, de Anna Llenas (Editorial Cross books) o alumnado creou as súas propias definicións literarias de sentimentos e emocións e deu un pulo á súa creatividade imitando as fermosas ilustracións do libro.

O resultado, un libro propio, con textos e imaxes fermosísimos. Aquí vos deixamos o resultado. Gozade da lectura!