martes, 28 de xaneiro de 2020

A cabeza de Medusa no club de igualdade

Compartindo impresións sobre A cabeza de Medusa 
Hoxe tivemos a nosa reunión mensual do club de lectura de igualdade, no que contamos coa participación de Marta (Dpto. Linguas clásicas) e María (Dpto. Xeografía e historia). Foi unha interesante xuntanza en que falamos durante preto dunha hora sobre A cabeza de Medusa, de Marilar Aleixandre. 

A obra impactounos moitísimo, non so pola crueza na narración, senón tamén porque ningún de nós reflexionara nunca sobre o que vén despois dunha violación: a reacción da familia, a denuncia, a revisión médica e a volta á realidade cotiá despois dunha experiencia traumática.

O alumnado do club recomendaría a obra a calquera, porque é un libro que nos permite poñernos na pel das protagonistas. Brais foi máis aló, e comentou que podería ser unha obra de lectura recomendada para adultos que traballen en ámbitos policiais, educativos ou do campo da psicoloxía, pois permitiría comprender a realidade dunha violación e enfocar mellor o apoio ás vítimas. Marta, profesora de latín, confirmou esta idea e comentou que non esperaba atopar, nun libro aparentemente xuvenil, tanta profundidade no tema e unha narración de tanta calidade. 

O noso obxectivo: que nas vindeiras semanas A cabeza de Medusa sexa a obra máis solicitada na biblioteca, porque sabemos que, no que atinxe a lecturas, o boca a boca funciona.

E na próxima sesión, Memoria do silencio, de Eva Mejuto. Non faltedes!

Ningún comentario:

Publicar un comentario