Na tarde de hoxe, o club de lectura de Igualdade xuntouse para falar de Memoria do silencio, de Eva Mejuto. Aínda que a lectura estaba prevista para a seguinte sesión, decidimos adiantala porque a autora visitará esta semana o noso centro, e aproveitaremos a visita para invitala a un café e falar dunha obra que nos encantou. Acompañounos, como xa vén sendo habitual nestas últimas sesións, a profesora Marta, de latín.
Miguel levaba desde a primeira sesión do club preguntando por esta obra, porque vira a portada e sabía que a cousa ía da Segunda Guerra Mundial, un tema que lle apaixona. E por fin chegou a lectura, e a sensación foi de absoluto desconcerto: nazis en Galicia?
A charla foi interesantísima. Falamos de todo un pouco, desde a estrutura dos capítulos, pasando polo punto de inflexión que supón na novela o botón alemán, ata o que sería ter vivido na Galicia dos anos 40 nese clima de terror e que as protagonistas, as irmás Touza, seguiron sentindo cando solicitaron que a súa historia non vise a luz ata que elas morresen.
Foi fantástico analizar como o que aprendemos fai que percibamos a realidade doutro xeito: dunha foto onde non viamos máis ca tres mulleres maiores e vestidas de negro, pasamos a ver mulleres fortes, valentes, heroicas.
Agardamos con ansia a visita de Eva Mejuto para que nos fale sobre a novela: como se documentou? como chegou á figura destas mulleres?... e moitas outras preguntas que, de seguro, irán xurdindo na conversa. Poñemos o café a facer, as bolachas están preparadas, todo organizado... so nos falta a autora!
Ningún comentario:
Publicar un comentario