luns, 28 de xaneiro de 2019

Ikigami no club de lectura de banda deseñada de 2º de ESO

Hoxe, no club de BD, tivemos unha interesante charla sobre Ikigami, comunicado de muerte, de Motoro Mase e publicado por Norma Editorial.



Nun primeiro momento, falamos da dificultade inicial na lectura do manga (a maioría dos participantes enfrontábanse por vez primeira á lectura de dereita a esquerda), aínda que concluimos que todo é afacerse.

A historia resultou difícil mais todos fomos quen de ir compoñendo as situacións que se presentaban na obra. Ademais, relacionamos a invitación á morte dos xóvenes protagonistas (ficción na que se sustenta o texto) con outros textos literarios (O laberinto do Minotauro, Los juegos del hambre e Pic-nic) e tamén con situacións reais (as políticas de fillo único en China, os nenos soldado, os recrutamentos en países en conflito...).

A sesión rematou cunha reflexión sobre o que cada un de nós faría se lle quedasen 24 horas de vida, e as respostas non teñen desperdicio!:



- Estaría coa miña familia pasando o rato e diríallo no último momento.
- Aproveitaría para dicirlle a familiares e amigos o moito que os quero!
- Iría a Disneyland París para saudar a Mickey Mouse.
- Aproveitaría ese último día e pasaríao o mellor posible.
- Disfrutaría dos últimos minutos organizando unha festa.
- Pediríalle saír a unha persoa especial.
- Faría un complot criminal perfecto. E se me descubrisen (caso raro), encantaríame ver ao policía dicíndome que estou condenada a cinco anos e poder dicirlle: "Síntoo, quédanme 24 horas!".

Vémonos en quince días para recoller nova lectura!


venres, 25 de xaneiro de 2019

É o azul unha cor cálida?

Na mañá de hoxe, o club de banda deseñada "Marcando a diferenza" (con alumnado de 3º, 4º e 1º de Bacharelato) reuniuse para falar de "El azul es un color cálido" de Julie Maroh e publicado por Dibbuks.


A sesión estivo chea de sorpresas e tamén de moita emoción. Acudiron a compartir as súas impresións sobre a lectura, a profesora responsable da Comisión de Igualdade, Vanesa, e o profesor coordinador do EDLG, Eloi.  Cada un de nós traia escollida unha viñeta que nos chamara a atención, ben en positivo, ben en negativo. Pero a obra resultou tan interesante e, sobre todo, tan impactante, que xa vedes a cantidade de post-it que chegaban das casas marcando momentos da obra que eran dignos de comentar para o alumnado:


Para organizar as intervencións, botamos a sorte a quenda de palabra cunhas larpeiradas.


Falamos dos momentos máis duros da historia (o rexeitamento por parte das amizades e a familia, o non poder ter acceso á información médica da parella, a negación da propia identidade sexual...) e tamén dos positivos (a liberdade para escoller a quen amar, a construción dun futuro máis aberto e tolerante coa diversidade e a aceptación dun mesmo).

Ademais, durante estas dúas semanas de lectura e intercambio de libros, o boca a boca funcionou tan ben que tivemos dous novos participantes no club e moitas peticións de que o libro se inclúa nas caixas de Hora de Ler das aulas. 


O resumo desta xornada é que todos e todas somos libres de ser quen somos e, sobre todo, de amar a quen queiramos amar.


Aquí tedes un vídeo resumo das viñetas que escollemos para falar da obra e as imaxes da sesión:


Xa sabedes que a obra está dispoñible na sección de banda deseñada da Biblioteca e, en breve, incluiremos exemplares nas caixas das aulas.

Vémonos en febreiro para recoller nova lectura!


luns, 21 de xaneiro de 2019

Novas lecturas nos clubs de banda deseñada

A semana pasada fixemos o reparto das novas lecturas dos clubs de banda deseñada de primeiro e segundo de ESO. As lecturas seleccionadas para comezar o ano son La memoria del agua (na que se nos conta a historia dunha maldición familiar) e Ikigami (unha historia manga na que, por unha política de control de poboación, os protagonistas atoparán a morte no momento menos esperado). Agardamos que gocedes coa lectura e vémonos a semana próxima para a posta en común.


luns, 7 de xaneiro de 2019

Próxima reunión do club Marcando a diferenza

Resultado de imagen de el azul es un color cálido

A próxima reunión do club será o venres 11 de xaneiro. Nesta sesión, recolleremos unha nova lectura de temática social: El azul es un color cálido, de Julie Maroh e publicado por Dibbuks.


Resultado de imagen de el azul es un color cálido

Calendario de sesións do club de lectura Marcando a diferenza


Descarga aquí o calendario das sesións que realizaremos entre xaneiro e maio: