martes, 17 de decembro de 2019

Corredora, de María Reimóndez, lectura pola igualdade


Hoxe tocou sesión de posta en común do Club de lecturas pola igualdade. Corredora de María Reimóndez serviu como punto de partida para máis de unha hora de comentarios e reflexións persoais. 



Despois de ordenar diferentes fragmentos do libro e de ir falando sobre eles, comentamos as nosas percepcións. Brais e Abril apuntaron que o mellor do libro é encariñarte co personaxe de Genet para ir acompañándoa no seu progreso, case vivindo de primeira man unha relidade tan diferente á nosa. A Rebeca, Laura e Miguel gustoulles a perspectiva desde o punto de vista do deporte, como unha metáfora da loita e a superación persoal da protagonista. A todos e todas nos gustou o ritmo da novela, que sendo tan breve e sinxela de ler, ten tanto contido para poñernos na pel de outras persoas.

Na próxima sesión, falaremos de Cabeza de Medusa, de Marilar Aleixandre, unha novela sobre a violación coa que reflexionaremos sobre esa visión social tradicional que culpabilizaba a vítima e que, por sorte, comeza a cambiar. Porque o violador é el.


Xa sabedes que todas as lecturas dos clubs están dispoñibles na biblioteca do centro. 

martes, 3 de decembro de 2019

Maus e Persépole no club Historias da historia


Hoxe, no Club de lectura Historias da historia, tivemos a posta en común de Maus, de Art Spiegelman. Custou un pouco analizar a metáfora animal e tamén as dúbidas que o propio autor tivo mentres realizaba a obra, pero non tanto comprender o que supuxo o holocausto nazi nin as consecuencias do mesmo  para os que o sobreviviron. Orlando, o profesor de lingua castelá, acompañounos hoxe e estableceu unha reflexión tremendamente interesante: o nazismo supuxo unha perda de valores humanos tan grande que foron quen de documentar polo miúdo todas as súas barbaries. 

Por outra banda, presentamos outro clásico da banda deseñada, Persépole de Marjane Satrapi, que vén de ser recoñecida esta semana en Babelia como unha das mellores obras destas primeiras décadas do século XXI (podes consultar a listaxe completa en Babelia. Os 21 mellores libros do século XXI). 

Para poder comprender a obra, comezamos activando coñecementos previos cun pecha kucha para, a partir de aí, entender o contexto histórico no que se desenvolve a historia autobiográfica da autora: da liberdade previa á revolución islámica de 1979 aos acontecementos que viñeron despois desta (o réxime islámico de Jomeini e a Guerra de Irán e Irak entre 1980 e 1988). 

Se pensabamos que Irán fora sempre unha zona de tradición islámica, non estabamos no certo.

Esta foi a presentación empregada para ubicarnos na historia:




Vémonos o 14 de xaneiro para a posta en común de Persépole e a presentación da nova obra. Non esquezades traer os libros para devolver a biblioteca e que poidan estar dispoñibles para máis lectores e lectoras. Gozade da lectura!