venres, 18 de decembro de 2020

Nova lectura do club "Narrando con imaxes"

E aquí temos a nova lectura do club Narrando con imaxes, coa que o alumnado participante porá en práctica todo o aprendido no obradoiro de Sketchnoting. Gozade da lectura, tomade apuntamentos visuais e quedamos en xaneiro para outra xuntanza!

 



xoves, 17 de decembro de 2020

Actividade de Sketchnoting no club de lectura "Narrando con imaxes"

Se algo bo nos trouxo este ano de confinamento e distancia social foi o decatarse de que, ás veces, non é necesario estar no mesmo lugar para coñecer persoas extraordinarias. Isto foi o que nos sucedeu hoxe no club de lectura coa charla, a través de videoconferencia, sobre Sketchnoting (ou toma de apuntamentos visuais) que impartiu Javier Alonso dende Madrid (https://dibujandocharlas.com).


Despois dalgún pequeno problema técnico, comezamos a traballar con el e aprendemos moitos recursos para debuxar sen medo, e para facer anotacións dun xeito máis motivador e divertido.





Foi realmente sorprendente descubrir que os rapaces e rapazas dos clubs de lectura non levantaban a cabeza do papel, do silencio provocado pola concentración absoluta de todos e todas e, finalmente, ver os resultados da súa toma de apuntamentos a partir dunha charla TED. Debuxamos "monomios", "poemas" ou conceptos complexos como "innovación" cunha soltura digna de profesionais. 




Agradecemos profundamente a Javier a súa proximidade, a súa entrega, a súa capacidade para adaptarse a nós, e agardamos volver atoparnos con el nalgunha outra ocasión. Por suposto, está convidado a probar as ostras de Arcade cando veña por Galicia! 

Moitísimas grazas, Javier, polo que vivimos hoxe contigo.