martes, 18 de febreiro de 2020

Memoria do silencio, de Eva Mejuto


Na tarde de hoxe, o club de lectura de Igualdade xuntouse para falar de Memoria do silencio, de Eva Mejuto. Aínda que a lectura estaba prevista para a seguinte sesión, decidimos adiantala porque a autora visitará esta semana o noso centro, e aproveitaremos a visita para invitala a un café e falar dunha obra que nos encantou. Acompañounos, como xa vén sendo habitual nestas últimas sesións, a profesora Marta, de latín.

Miguel levaba desde a primeira sesión do club preguntando por esta obra, porque vira a portada e sabía que a cousa ía da Segunda Guerra Mundial, un tema que lle apaixona. E por fin chegou a lectura, e a sensación foi de absoluto desconcerto: nazis en Galicia?

A charla foi interesantísima. Falamos de todo un pouco, desde a estrutura dos capítulos, pasando polo punto de inflexión que supón na novela o botón alemán, ata o que sería ter vivido na Galicia dos anos 40 nese clima de terror e que as protagonistas, as irmás Touza, seguiron sentindo cando solicitaron que a súa historia non vise a luz ata que elas morresen.

Foi fantástico analizar como o que aprendemos fai que percibamos a realidade doutro xeito: dunha foto onde non viamos máis ca tres mulleres maiores e vestidas de negro, pasamos a ver mulleres fortes, valentes, heroicas.  


Agardamos con ansia a visita de Eva Mejuto para que nos fale sobre a novela: como se documentou? como chegou á figura destas mulleres?... e moitas outras preguntas que, de seguro, irán xurdindo na conversa. Poñemos o café a facer, as bolachas están preparadas, todo organizado... so nos falta a autora!
    

xoves, 13 de febreiro de 2020

Segunda sesión do Proxecto París

Continuamos cunha nova sesión do Proxecto interdisciplinario da viaxe de fin de etapa cun obradoiro de infografías. Entre conceptos básicos de deseño e os monumentos de París, botamos a tarde cun ambiente inmellorable. A próxima sesión, será xa á volta do Entoido! 





martes, 11 de febreiro de 2020

La manzana de Magritte en Petiscos de arte

Na tarde de hoxe tivemos unha sesión do club de lectura Petiscos de arte un tanto surrealista... pois a lectura proposta foi La manzana de Magritte, da colección MOMA SM. 


Comezamos a sesión debuxando, sen saber moi ben cal era a finalidade de representar calquera obxecto sobre un círculo en branco. 



Despois, observamos algunhas das obras máis representativas de Magritte, nas que se inspirou o autor do libro, Klaas Verplancke, para crear as súas ilustracións. O reto: atopar no libro as imaxes inspiradas polos cadros reais.


Unha vez realizada a lectura e tras comentar en que páxinas do libro tiñamos atopado os cadros, comprendemos o para que dos nosos debuxos: emular a Magritte e a súa obra "O fillo do home".

Resultado de imagen de la manzana de magritte

Velaquí o making off da nosa sesión fotográfica e o resultado das nosas imaxes homenaxe a René Magritte:



Coma sempre, un pracer tervos acompañado nesta tarde de martes. Agardámosvos o 10 de marzo cunha nova lectura sobre arte: Nana de tela. La vida tejida de Louise Bourgeois.

mércores, 5 de febreiro de 2020

Comeza o proxecto interdisciplinario da viaxe de fin de etapa

Na tarde de hoxe iniciamos o proxecto interdisciplinario relacionado coa viaxe de fin de etapa de 4 ESO cun obradoiro de procura e tratamento de información. 

Participan no proxecto 23 alumnos e alumnas que realizarán a guía de viaxe da cidade de destino que, neste curso académico, é París. 






martes, 4 de febreiro de 2020

Jamás tendré veinte años

Resultado de imagen de jamas tendre 20 años comic



Hoxe, no club Historias da historia, puxemos en común Jamás tendré veinte años, de Jaime Martín (Norma editorial), acompañados polo profesor de Lingua e literatura galegas, Román.


Falamos sobre a vida na ditadura, sobre violencia, abusos e fame; e tamén sobre as historias que, sobre este periodo, se contan aínda nas nosas casas.  Román falounos da historia de seu avó, apresado na Illa de San Simón durante un tempo incerto; e Martín, do seu bisavó, que tivo que esconderse por medo de ser detido ou fusilado.

O alumnado de bacharelato, que vén de gozar da lectura de El lector de Julio Verne, atopou moitos puntos en común coa obra de Jaime Martín e así, reflexionamos sobre a literatura como fonte de coñecemento histórico ideal, diferente dos libros de texto e que consegue achegarnos á historia a través de vivencias e testimonios máis persoais, máis humanos.


Grazas a Román polas súas achegas e a súa presenza. Agardamos verte de novo polo club!

Resultado de imagen de biografia de margaret sanger comic

Nós seguimos con La mujer rebelde, La historia de Margaret Sanger, de Peter Bagge, biografía dunha das pioneiras na defensa dos dereitos das mulleres e os métodos anticonceptivos nos Estados Unidos. 

Coma sempre, un pracer compartir lecturas e tempo con vós! Vémonos o 3 de marzo.