domingo, 19 de xuño de 2022

Club de lectura: A proba de auga

 A última xuntanza cos lectores e lectoras de 1º de ESO tivo lugar o pasado martes 14 de xuño. Desta volta, a obra lida foi o cómic A proba de auga, da escritora e debuxante viguesa Anémona de Río (Aldara Álvarez García).


Esta banda deseñada, cunha atractiva estética manga, conta a historia de Aqua, unha pequena pinga de auga que, rematados os seus estudos, debe levar a cabo a súa función. Pero o primeiro día pérdese do seu grupo e comeza a descubrir un novo mundo pola súa conta, mentres vive un montón de aventuras.

Para despedir o club ata o ano que vén, nesta última reunión do club, os rapaces competiron por grupos nunha xincana na que tiveron que medir as súas dotes detectivescas para seguir unha serie de pistas relacionadas coa obra, ata dar co premio final. As gañadoras foron Mara, Lola, Carla e Giana; pero todos conseguiron rematar o percorrido e levaron o seu premio.




O ano que vén verémonos de novo. Polo de pronto,

FELIZ VERÁN!

Reunión do club de lectura: La memoria del agua

O pasado 5 de abril, as rapazas e rapaces do club de 1º de ESO, xogaron a interpretar distintas esceas da banda deseñada La memoria del agua, de Valerie Vernay e Mathieu Reynes.

Tras facer un repaso polos espazos da novela e repartir os personaxes, os membros do club de lectura deron vida a distintas esceas da nosa historia.


 




Tamén nos deu tempo a falar das nosas impresións sobre a obra, e de analizar os personaxes.

La memoria del agua é a historia dunha familia e dunha maldición que foi pasando de xeración en xeración. Ambientada nunha vila mariñeira, ten como protagonista á pequena Marion, quen despois de mudarse coa súa nai á casa familiar preto da costa, iniciará a súa propia investigación ata descubrir o pasado da súa familia.