xoves, 21 de marzo de 2019

Guía de viaxe do Proxecto Roma

Aquí temos, por fin, o primeiro produto do noso proxecto: a guía de viaxe de Roma e Florencia. Como podedes ver nas imaxes, sempre é unha alegría ver o resultado dun traballo ben feito!





A guía, realizada polo alumnado, servirá como base para achegarnos ás cidades que visitaremos na nosa saída de fin de etapa: Roma e Florencia.  Rematamos, así, esta primeira fase. Á volta da viaxe, seguiremos informando!

Queremos dar as grazas ao profesorado colaborador (Bea, María, Marta, Eloi, Román e Cristina), ao ENLG, Biblioteca Escolar e, moi especialmente, ao equipo directivo polo apoio recibido e o "si a todo" sempre como punto de partida. 

mércores, 20 de marzo de 2019

La memoria del agua no club de 2 ESO

Esta mañá reunímonos novamente para falar de La memoria del agua (Norma editorial) no club de lectura de BD de 2 ESO. A historia gustounos moitísimo e falamos, sobre todo, da sensación de soidade da protagonista e do final (pois as interpretacións foron moi variadas).
A partir do fío argumental da obra, comentamos historias familiares peculiares, e así, Lucía falounos do seu avó, sindicalista que tivo que escapar ao monte durante a guerra civil. Rebeca trouxo tamén algunha historia arrepiante: nunha casa abandonada pola que pasaban a súa nai (cando era moza) e as súas amigas de camiño ao instituto, sonaba un piano que non tiña pianista. Ás veces, a realidade supera a ficción!


Vémonos en quince días para comentar Raritos, a nosa nova lectura.

luns, 18 de marzo de 2019


Na mañá de hoxe o club de banda deseñada de 1 de ESO reuniuse para falar de Raritos, de Svetlana Chmakova e publicado por Norma Editorial. A historia e os personaxes  gustáronnos tanto que xa decidimos cambiar a programación do club para ler a segunda parte: Valientes.
Ademais de falar da trama principal (a colaboración obrigada entre dous equipos rivais, o club de arte e o club de ciencia),  tamén afondamos nos temas sociais que toca esta obra: o acoso escolar, a multiculturalidade e os malos tratos. Encantounos a parte final, na que a autora explica o seu proceso de traballo co guion e o deseño dos personaxes e, como non, a súa invitación para atopar os máis de vinte mapaches agochados nas viñetas. Houbo quen atopou vinteún! 
Moitos de nós identificámonos con algún dos protagonistas, ben polo parecido físico, ben polos seus intereses (debuxar, escribir, facer experimentos...).
Quedamos na próxima sesión para recoller a segunda parte!!!

venres, 15 de marzo de 2019

Nova sesión do club de lectura "Marcando a diferenza"

Resultado de imagen de no puedes besar a quien quieras

Tralo Entroido e todas as actividades programadas co gallo do 8 de marzo, retomamos o club de lectura de banda deseñada Marcando a diferenza. Na sesión de hoxe compartimos as nosas impresións sobre No puedes besar a quien quieras, de Sandrine Revel e Marzena Sowa (Ed. La Cúpula), unha BD ambientada na época estalinista na que a opresión e o medo estaban á orde do día. Falamos sobre a ambientación (as cores empregadas, os personaxes e os lugares) e tamén sobre o poder dos libros para achegarnos a outras vidas e a novas ideas (por iso, en moitos momentos históricos, existiu a censura sobre a literatura e incluso a queima de libros). Outra reflexión interesante que xurdiu a partir da lectura foi a existencia, aínda hoxe, de lugares no mundo onde o medo é unha arma de control social. Para a posta en común, empregamos o seguinte material:


Continuamos a nosa viaxe literaria con María e mais eu, de Miguel Gallardo, para seguir reflexionando sobre a diversidade. Vémonos o venres 27 de marzo!

xoves, 7 de marzo de 2019

Última sesión do proxecto Roma

Na última sesión do proxecto Roma estivemos preparando as nosas exposicións orais: mirar a cámara, entoar correctamente, empregar as mans para comunicar... agora so nos queda chegar ao noso destino e ver os resultados in situ. Grazas pola vosa participación e xa sabedes que, en breve, teremos impresa a nosa guía de viaxe.






domingo, 3 de marzo de 2019

8 de marzo, Día da Muller


Con motivo do 8 de marzo, convidámosvos á lectura dalgúns títulos relacionados coa igualdade de xénero. Xa podedes recoller o tríptico en papel e curiosear na exposición de libros na biblioteca:




sábado, 2 de marzo de 2019

Día de Rosalía no IES de Soutomaior


Con motivo do día de Rosalía, o IES vestiuse novamente con mensaxes e actividades cargadas de igualdade. A actividade, integrada no proxecto de centro Falemos de ti e min, foi organizada polo profesorado do EDLG, Biblioteca e o Grupo de Igualdade, así como polo alumnado de 1 de Bacharelato que partipa neste grupo e que tanto e tan ben está a traballar. Parabéns!