martes, 10 de marzo de 2020

Louise Bourgeois no club Petiscos de arte


A lectura de hoxe no club Petiscos de arte foi Nana de tela. La vida tejida de Louise Bourgeois. A partir da lectura e do visionado de diversas pezas da artista, xogamos coa lá creando teas de araña a medida que iamos contestando preguntas sobre o texto. 


Logo dun rato de xogo, voltamos á biblioteca para emular a obra da artista, e este é o resultado:





Na próxima sesión leremos unha xoia do álbum ilustrado, Jan estivo alí. Vémonos en abril! 

luns, 9 de marzo de 2020

8M no IES de Soutomaior


O Comando Igualdade colocando o vinilo inaugural.
No día de hoxe, e dentro do Proxecto Vívete, o Comando Igualdade do IES de Soutomaior organizou unha pegada de lemas en prol da igualdade e un photocall para que miremos o mundo con ollada violeta. Porque queremos un mundo xusto, sen ningún tipo de violencia contra a muller, sen teito de cristal, con salarios equiparados e coas mesmas responsabilidades na familia... Queremos ser a xeración da igualdade!

Luns 9







Desde a biblioteca do instituto colaboramos coa celebración deste día cunha selección de lecturas relacionadas coa igualdade que podedes consultar nesta entrada

Ao longo desta semana irán aparecendo máis textos polos espazos do instituto. Porque a loita pola igualdade non é cousa de un día!

Martes 10



Mércores 11


Xoves 12



domingo, 8 de marzo de 2020

8M na biblioteca

Aínda que no noso IES a igualdade está presente todos os días do ano, con motivo do Día internacional da muller preparámosvos unha selección de lecturas que estará á vosa disposición na biblioteca. Pasade a botar unha ollada!


mércores, 4 de marzo de 2020

Pompidou no proxecto interdisciplinar da viaxe de fin de etapa

Na tarde de hoxe o alumnado de 4º ESO participante no Proxecto París traballou arredor da obra dos artistas que verán a finais deste mes de marzo no Centro de Arte Georges Pompidou de París. Coma sempre, a biblioteca serviu de perfecto escenario para achegarnos á arte e a cultura.

Comezamos o obradoiro emulando a Jeff Koons e analizando cales son as características da arte contemporánea a través dun xogo con imaxes proxectadas de obras de arte clásico (Venus de Milo, A coronación de Napoleón, obras de Cezanne e Van Gogh...) mesturadas coas obras de Duchamp, a Bauhaus, Joseph Beauys, Louise Bourgeois.... Así, chegamos á conclusión de que a arte contemporánea suxire ideas, experimenta con materiais e xera emocións no espectador, pero non ten por que estar creada nun soporte tradicional ou transmitir beleza.

Resultado de imagen de jeff koons pompidou obra permanente
Obra de Jeff Koons que visitaremos no museo
Preparación para manipular os globos
A continuación, fixemos grupos rotatorios para experimentar co collage de Matisse, o simultaneísmo de Delaunay, as antropometrías de Yves Klein e o ready-made de Duchamp.








A tristeza do rei, de Matisse, no Pompidou. 


Resultado de imagen de antropometría klein pompidou
Antropometrías de Yves Klein
A nosa reinterpretación do collage

As nosas antropometrías
Resultado de imagen de ready made pompidou
Os ready-made de Duchamp
Os nosos ready-mades

O grupo de traballo coas súas creacións de arte contemporánea
Sen dúbida, foi unha tarde de experimentación, creatividade e traballo en equipo que nos abriu os ollos sobre a percepción que tiñamos da arte contemporánea e que nos fará gozar e comprender a nosa visita ao Centro de arte Georges Pompidou de París. Xa queda menos! Un pracer, coma sempre, acompañarvos na aprendizaxe e gozar tanto ou máis ca vós!

martes, 3 de marzo de 2020

Nova sesión do Club Historias da historia




Na tarde de hoxe houbo nova xuntanza do club de lectura Historias da historia. Nesta ocasión, reunímonos para falar de La mujer rebelde. Historia de Margaret Sanger, de Peter Bagge (Editorial La Cúpula). 


Trátase dunha banda deseñada biográfica sobre Margaret Sanger, enfermeira americana que foi pioneira na difusión de información sobre os métodos anticonceptivos na América de principios do século XX. A obra gustounos, sobre todo, porque nos fixo reflexionar sobre os tabús que existían na sociedade hai apenas cen anos. A ilustración pareceunos un tanto abrumadora, moita información condensada entre texto e imaxe, e a partir desta idea, falamos sobre o cómic underground dos anos 70 en América, movemento do que Bagge é figura destacada. Tratamos, ademais, de facernos unha idea sobre a expansión dos métodos anticonceptivos no noso país e de como a eclosión do sida nos anos 90 acelerou de forma vertixinosa o proceso.

Para comprender o que supuxo esta enfermidade nos anos 90 e coa intención de visibilizar a historia do colectivo LGTBQ+, continuamos con Pedro y yo, de Judd Winick. Vémonos o martes 14 de abril, á volta da semana santa.