venres, 31 de xaneiro de 2020

Proxecto interdisciplinario da viaxe de 4º ESO


A próxima semana darán comezo as sesións do Proxecto Interdisciplinario relacionado coa viaxe de fin de etapa de 4º ESO, incluído nos Contratos-Programa da Consellería de Educación. A cidade de destino deste ano é París, e así, traballaremos fóra da aula nas seguintes datas:

- Mércores. Obradoiros:  5, 12 e 19 de febreiro e 4 de marzo, de 15:00 a 17:00.
- Martes. Sesións do club de lectura e cine: 3 e 10 de marzo, de 15:00 a 16:15.

martes, 28 de xaneiro de 2020

A cabeza de Medusa no club de igualdade

Compartindo impresións sobre A cabeza de Medusa 
Hoxe tivemos a nosa reunión mensual do club de lectura de igualdade, no que contamos coa participación de Marta (Dpto. Linguas clásicas) e María (Dpto. Xeografía e historia). Foi unha interesante xuntanza en que falamos durante preto dunha hora sobre A cabeza de Medusa, de Marilar Aleixandre. 

A obra impactounos moitísimo, non so pola crueza na narración, senón tamén porque ningún de nós reflexionara nunca sobre o que vén despois dunha violación: a reacción da familia, a denuncia, a revisión médica e a volta á realidade cotiá despois dunha experiencia traumática.

O alumnado do club recomendaría a obra a calquera, porque é un libro que nos permite poñernos na pel das protagonistas. Brais foi máis aló, e comentou que podería ser unha obra de lectura recomendada para adultos que traballen en ámbitos policiais, educativos ou do campo da psicoloxía, pois permitiría comprender a realidade dunha violación e enfocar mellor o apoio ás vítimas. Marta, profesora de latín, confirmou esta idea e comentou que non esperaba atopar, nun libro aparentemente xuvenil, tanta profundidade no tema e unha narración de tanta calidade. 

O noso obxectivo: que nas vindeiras semanas A cabeza de Medusa sexa a obra máis solicitada na biblioteca, porque sabemos que, no que atinxe a lecturas, o boca a boca funciona.

E na próxima sesión, Memoria do silencio, de Eva Mejuto. Non faltedes!

martes, 21 de xaneiro de 2020

Álbum ilustrado. Material para familias.

Xa tedes á vosa disposición na biblioteca unha nova sección de álbum ilustrado para todos os públicos!


Os álbumes foron escollidos de xeito que as temáticas fosen diversas, e así, hai sitio para a arte, a igualdade de xénero, os conflitos, os valores que queremos na nosa sociedade ou a diversidade.

Coa finalidade de que a lectura sexa compartida en familia, preparamos unha bolsa de libros que poderá ser emprestada tanto a nais e pais, a alumnado e profesorado interesado (especialmente, aqueles que teñen cativos na casa). Agardamos que gocedes desta nova proposta!

Sonia Delaunay en Petiscos de arte


Neste mediodía, o alumnado do club de lectura Petiscos de arte achegouse á figura de Sonia Delaunay, a través do libro Sonia Delaunay, una vida de color da colección MOMA SM. 




Despois da lectura e a posta en común das nosas impresións, traballamos en composicións simultáneas emulando a obra da artista.




Este foi o resultado, que quedou secando á espera de formar parte da decoración da biblioteca. Pasámolo realmente ben!


Na próxima sesión traballaremos coa figura de René Magritte e o movemento surrealista. Agardámosvos con estas ganas de ler, aprender e traballar. Un gusto acompañarvos!

martes, 14 de xaneiro de 2020

Persépole


Hoxe, no club de banda deseñada Historias da historia, puxemos en común Persépole, de Marjane Satrapi. Coincidindo cos últimos incidentes en Irán, a obra serviunos para reflexionar sobre como podería ter cambiado a historia de ter sucedido outros feitos e, sobre todo, para falar do que significa sentirse fóra de lugar tanto como estranxeira como no lugar de orixe, sentimento que tamén compartiu con nós unha das participantes da sesión. Para falar da obra, visualizamos fragmentos do filme e sorprendeunos especialmente a fidelidade ao cómic. 


Seguimos con Jamás tendré veinte años, de Jaime Martín, unha BD sobre a Guerra Civil Española.