Hoxe tocou sesión de posta en común do Club de lecturas pola igualdade. Corredora de María Reimóndez serviu como punto de partida para máis de unha hora de comentarios e reflexións persoais.
Despois de ordenar diferentes fragmentos do libro e de ir falando sobre eles, comentamos as nosas percepcións. Brais e Abril apuntaron que o mellor do libro é encariñarte co personaxe de Genet para ir acompañándoa no seu progreso, case vivindo de primeira man unha relidade tan diferente á nosa. A Rebeca, Laura e Miguel gustoulles a perspectiva desde o punto de vista do deporte, como unha metáfora da loita e a superación persoal da protagonista. A todos e todas nos gustou o ritmo da novela, que sendo tan breve e sinxela de ler, ten tanto contido para poñernos na pel de outras persoas.
Na próxima sesión, falaremos de Cabeza de Medusa, de Marilar Aleixandre, unha novela sobre a violación coa que reflexionaremos sobre esa visión social tradicional que culpabilizaba a vítima e que, por sorte, comeza a cambiar. Porque o violador é el.
Xa sabedes que todas as lecturas dos clubs están dispoñibles na biblioteca do centro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario