xoves, 3 de febreiro de 2022

REUNIÓN DO CLUB DE LECTURA - MATAR UN RUISEÑOR

A última xuntanza do club de lectura, con rapazas e rapaces de 3º, 4º de ESO e 1º de Bacharelato, tivo lugar en dúas xornadas nas que compartimos impresións sobre a obra Matar un ruiseñor (1960), de Harper Lee, adaptada a novela gráfica por Fred Fordham en 2018.


Esta obra, ambientada no estado sureño de Alabama durante a época da Gran Depresión, retrata maxistralmente os prexuízos dunha sociedade na que a segregación racial está profundamente arraigada. Coñecemos ao seu heroe protagonista, Atticus Finch, e a súa loita pola xustiza relatada desde a perspectiva da súa filla Scout, transunto autobiográfico da propia autora, Harper Lee.

Os integrantes do club de lectura puxéronse na pel de distintos personaxes, para interpretar escenas clave da novela. Tras cada unha das representacións, fixeron unha análise de cada personaxe, aportando interesantes reflexións e incluso relacionando a historia con problemas actuais.

Os personaxes foron escollidos ao chou:



Álvaro, Rebeca e Clara presentaron a Dill Harris, Jem Finch e Scout Finch, interpretando unha escena do inicio da novela:


Lucía encarnou a Atticus Finch, representando xunto con Clara un momento memorable da historia: "Un é valente cando, sabendo que a batalla está perdida, inténtao a pesar de todo e loita ata o final, pase o que pase."


Ángel interviu poñéndose no pelello da señora Dubose, analizando as súas luces e sombras, a súa capacidade de loita pero tamén os seus lamentables prexuízos.



A Martín tocoulle interpretar tres pequenas escenas nas que daba vida á tía Alexandra, a Calpurnia e ao misterioso e taciturno Boo Radley, ante a atenta mirada dos seus compañeiros:


Noé e Sofía fixéronnos asistir ao xuízo de Tom Robinson, inxusta vítima da intolerancia e do racismo.


Finalmente, Uxía converteuse no sheriff Heck Tate, aportando a solución final.


Pero non soamente fixemos teatro, senón que tamén compartimos pensamentos e ideas sobre os distintos temas que se tratan nesta historia: roles de xénero, discriminación racial, clases sociais e pobreza, a inocencia... Ademais, puidemos establecer comparacións entre a novela e a película de Robert Mulligan, de 1962.




Agora entregarémonos á lectura de Flor de area, de Manuel Lourenzo, para poder seguir compartindo experiencias na próxima reunión!