xoves, 29 de abril de 2021

Encontro de Fernando Llor e Miguel Porto co alumnado dos clubs de lectura

Na mañá de hoxe, tivemos a sorte de contar coa presenza, no noso IES, de Fernando Llor e Miguel Porto, guionista e ilustrador da banda deseñada sobre acoso escolar Subnormal, da que xa vos falamos en entradas anteriores. 


Miguel Porto e Fernando Llor

Os autores puideron ver, in situ, a intervención que xurdiu dos rapaces e rapazas do club Narrando con imaxes a partir da lectura da obra, e partillaron con nós tanto aspectos relacionados coa creación do libro (a escaleta, o guion, o storyboard...) como coa historia real na que se basea, as vivencias de Iñaki Tellería. 

Tamén acudiron ao encontro os alumnos e alumnas de "Aquí lemos tod@s", que, en vista do éxito do libro no club dos maiores, se apuntaron tamén á lectura. 





Foi un verdadeiro pracer escoitar a Fernando e Miguel, e agardamos atoparnos de novo con eles nalgunha outra ocasión. Esperamos que coa súa nova obra, da que xa nos adiantaron algunhas cousiñas!

Agradecemos tamén, desde a coordinación de clubs, a implicación do alumnado e o equipo de biblioteca, e as xestións realizadas por Román dende vicedirección para que este encontro, tan aproveitado, fose posible.

luns, 19 de abril de 2021

Intervención no IES a partir da lectura de Subnormal







A partir da lectura de Subnormal, banda deseñada de Miguel Porto e Fernando Llor, o alumnado do club de lectura "Narrando con imaxes" argallou unha intervención na parede do IES, inspirada por un comentario que xurdiu dos rapaces e rapazas na posta en común sobre a obra: Impacta moitísimo ver xuntos todos os insultos que escoitamos a cotío, mais parece que non os oímos cando se empregan nas aulas. 

Así foi como xurdiu a idea de colocar os insultos máis habituais na parede do corredor, para que toda a comunidade educativa tivese a mesma sensación que tivemos nós...


 ...para deixar, despois, a nosa reflexión:

"Se te sorprende ler estas palabras na parede do instituto, 
por que non actúas cando as escoitas na túa aula?"

Grazas, unha vez máis, ao alumnado do club pola súa implicación nas actividades e a Orlando (biblioteca) e Teresa (servizo de limpeza), polo apoio técnico.

venres, 9 de abril de 2021

"Subnormal" no club de lectura "Narrando con imaxes"



Na sesión de hoxe, o club "Narrando con imaxes" compartiu as súas impresións sobre a lectura proposta, Subnormal, de Fernando Llor e Miguel Porto, unha obra baseada nas vivencias de Iñaki Zubizarreta, vítima do acoso escolar. 

 A obra pareceunos moi dura: as palizas, o resentimento despois de tantos anos cara a súa profesora, os motivos para seguir vivindo... 

Reflexionamos, a través dunha dinámica de posta en común, sobre o habitual de escoitar insultos ao noso arredor e a dificultade de expresar as cousas boas dos demais. 











Foi realmente impactante ler xuntos todos os insultos e comentarios desagradables que escoitamos a miúdo e, da xuntanza, xurdiu unha idea de intervención no IES que poderedes ver nas próximas semanas. 

Coma sempre, o libro "Subnormal" está xa dispoñible para toda a comunidade educativa na biblioteca do centro.
 
A próxima lectura será "O mono de Hartlepool", outra nova obra para a reflexión, nesta ocasión, sobre os prexuízos co descoñecido.