Comezamos a nosa visita na Piazza
Venezia e alí un educado ragazzo axudounos a orientarnos na cidade. Ollamos o Coliseo dende o asfalto e na Piazza Navona curioseamos nos postos dos artistas de rúa. Logo admiramos a marabillosa Fontana di Trevi de Bernini e, daquela, foi cando desexamos estar xa sentados na escalinata da Piazza di Spagna para vivir o bulicio xuvenil que contaxia o ambiente á tardiña. Camuflados nas sombras da noite, entramos sen permiso nas termas de Caracalla... shhhhh... e alí sorprendeunos unha torrencial tormenta estival.
Na Piazza del
Popolo tomamos pola Via do Corso e sucederónse o Campo dei Fiori, o Campidoglio, o Foro Romano, a Via Veneto, a Piazza di
Torre Argentina, a Trinità dei Monti, o Ara Pacis... Entón, Roma xa era nosa. E descansamos nunha terraza no Trastevere e paseamos polos xardíns de Villa Borghese.
Todos estes lugares e algúns máis están presentes na película A Roma con amor coa que demos inicio ao Club de Lectura e Cine Club do Proxecto Roma. Aforo completo, flocos de millo e ganas de saber como rematarán os enredos nos que andan ensarillados Jack e Sally, Milly e Luca Salta, Antonio e mais Anna, Leopoldo Pisanello e os paparazzi e Giancarlo e Jesse Eisenberg, alter ego do propio Woody Allen.
Ningún comentario:
Publicar un comentario