O club de lectura Marcando a diferenza, integrado no Proxecto Falemos de ti e min, realizou na mañá do venres a súa última sesión. A obra coa que finalizamos as reunións foi ¿Quién le zurcía los calcetines al rey de Prusia mientras estaba en la guerra? de Zidrou e Roger, publicado por Norma Editorial.
O reto consistía en tratar de darlle sentido ao título, pois na obra non se fala nin de reis, nin de Prusia e moito menos, de calcetíns. Trátase, en realidade, da entrañable cotidianidade da nai dun rapaz con diversidade funcional a causa de un accidente de tráfico. Houbo versións para todos os gustos e incluso quen identificou ao rei co mozo, os calcetíns coa discapacidade e á zurcidora coa nai do rapaz. Chegamos á conclusión de que se trata dunha frase feita como "quen se come o marrón?" ou "quen fai o traballo sucio?" posto que a obra fala da dependencia. Da dependencia e dos coidadores e coidadoras que ven a súa vida limitada por ter que coidar dun ser querido.
A partir de aí, limos unha noticia de O Faro de Vigo na que se ofrecían datos das altas porcentaxes de mulleres que abandonan a súa vida laboral para coidar dunha persoa dependente e falamos da necesidade de que se apliquen as axudas.
É unha obra moi recomendable, que invita á reflexión e que deixa cun sorriso na boca, a pesar de todo. Xa sabedes que está dispoñible na biblioteca, na sección de Banda Deseñada.
Avisaremos da data para realizar a avaliación do club, aínda que xa houbo quen preguntou pola súa continuidade o curso que vén, polo que imaxinamos que a experiencia foi moi enriquecedora. Grazas a todos e todas polas xuntanzas, por compartir as lecturas e polas vosas aportacións. Ata a próxima!
Ningún comentario:
Publicar un comentario